venres, 22 de xullo de 2016

EXCLUSIVA! NIBIRU: CONTÍNUUM en galego, primeiras páxinas GRATIS!


Moi boas! Teño o pracer de confirmar a publicación da 

EDICIÓN EN GALEGO

de 

NIBIRU: CONTÍNUUM

A AMEAZA DO NÉMESIS 
SAGA DO NIBIRU VOL.II

O vindeiro 25 DE XULLO DÍA DA PATRIA GALEGA

Pra abrirdes boca, un regaliño pra tod@s:
As primeiras páxinas do meu libro EN EXCLUSIVA
disponibles dende o luns en amazon
agardo que vos gusten! 
Saúdos, soñadores!

Silencio. Escuridade. O Contínuum Espazo-Temporal, do xeito que fora detido, por ningunha razón na aparencia, agora botou a andar, de novo.

O Almirante endereitouse no seu asento, o androide temoneiro activou os seus sistemas, ámbolos dous ollaron cara arriba na pantalla mural que presidía a ponte de mando de Nova Terra, o planetoide xigante, ou quizais, Arca, no que gran parte da humanidade, centos de millóns, embarcara, fuxindo da aterrecedora e inminente Ameaza do Némesis.
-Integridade estrutural – ordenou o Almirante – comprobación dos danos causados polo evento.
- O Acaecemento do Planeta X ou, pra ser máis exactos, Némesis[1].... – reverberou o comentario do androide na espazosa sala.
- Informe de danos! – insistiu marcialmente o humano que comandaba a estación espacial.
-Si, un momento, señor - respondeu o robot temoneiro; após un par de segundos, respondeu: - integridade estrutural correcta, sen fendas externas, só danos menores debido á desaceleración súpeta, que xa están a reparar os robots encomendados.
-Moi ben. NAV, imaxe externa – á súa orde, o ordenador de Navegación amosou un panel holográfico diante do almirante; este, paralizada polo abraio, non podía dar creto ó que estaba vendo.
Após un par de minutos de inacción, o robot temoneiro comezaba a impacientarse - Entón, señor? – preguntou.
-Algo vai mal- só puido farfallar o home, espertado de súpeto do seu momentáneo transo - por favor, active a cámara frontal.
-Si, señor - respondeu o ser artificial e comezou a tocar no teclado holográfico cunha mestría propia dun pianista. Mais nada aconteceu.
O militar comezaba a impacientarse - Entón?
-Un momen...
Transcorreron un par de eternos minutos denantes de que soara o timbre de chamada presidencial, mais as conexións de entrada mantíñanse bloqueadas.
-Activo as....?
-Non! - explotou nunha “verborraxia” agresiva o Almirante - arranxe iso, e xa!- ordenou, apuntando co seu enorme furabolos para o monitor xigante, no que unha sucesión de imaxes incomprensibles, case psicodélicas e mesmo absurdas, foron visibles.
-Ok, ok – e o robot continuou, a máis non dar, escorregando os seus dedos encol das teclas virtuais,  mesmo diríase que con pracer.

Pasaron outros longos minutos; o aviso de chamada prioritaria chiscaba, histericamente.
Pese á maña do temoneiro, as imaxes non mudaban.
-Grrrr- rosmou o seu xefe - déixeo, concéntrese na pantalla, dígame se pode discernir algo comprensible, un estándar, algo!
-Si, señor – os seus ollos artificiais eran unha copia perfecta e mellorada daqueles dos seres humanos, de xeito que eles recibirían as mesmas lonxitudes de onda, mais o almirante tiña a esperanza de que os seus circuítos foran quen de clarexar o caos existente na pantalla.
O androide mantívose concentrado, en silencio, mirando para a parede, aparentemente en transo. O militar volveuse impacientar.
-Reporte, Soldado!
-Si, señor, xa, ó meu ver…
O ser humano respirou aliviado - entón?
-Son polígonos.
-Como?
-Polígonos, Formas poligonais básicas: triángulos, cadrados, círculos, etc ...
-Está seguro, soldado? - A verdade, el, o seu cerebro humano non fora quen de procesar as imaxes absurdas, mais quizais si a arquitectura avanzada do robot.
-Fixo, ó cen por cento, señor; o que estamos a mirar é, sen dúbida, unha sucesión tola de polígonos.
-Grazas. Chamadas entrantes, activas – agora era unha necesidade urxente comunicarse co Gabinete Presidencial.


[1] Véxase o Vol. I desta saga, “Nibiru: Némesis


NIBIRU: CONTÍNUUM
© 2016 Leonardo González Paz
Tódolos dereitos reservados
All rights reserved
Dep.legal PO-087-2016
ISBN 978-1535426718

Expresamente prohibida a reprodución total ou parcial desta obra por calquera medio ou soporte físico, electrónico e/ou virtual sen o consentimento previo por escrito do autor





Ningún comentario:

Publicar un comentario